11.22.2011

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR


Neste libro podemos atopar pequenas historias de amor, desamor, misterio...
É o libro co que iniciamos a aventura do grupo de maiores do noso club de lectura.
Esperamos os vosos comentarios.

11.13.2011

CARTAS DE INVERNO


Algún de vos , quizás , teña visto esta rocha en directo. Alguén dos lectores de Cartas de Inverno, podería contarnos algo desta imaxe que ten que ver coa intriga do libro? Estades pasando moito medo?

11.02.2011

COMEZAMOS NOVOS ROTEIROS



BENVIDOS E BENVIDAS AO CLUB DE LECTURA DESTE CURSO!!!!
Xa andamos no camiño de Agustín Fernández Paz e tamén no da Tur Eifel.
Vémonos no recreo do vindeiro luns...

6.23.2011

6.18.2011

Pregón de Rosa Aneiros na Feira do Libro de Ferrol ol pasado 6 de abri. Acabamos de subir a este blog o noso traballo sobre o seu libro: Sol de Inverno e aínda non coñeciamos este fermoso canto á lectura e aos nosos esforzos, pero agora que chegou as nosas mans, por máis que non fai referencia directa ao que estamos a facer, queremos deixalo aquí porque nos sentimos identificad@s e gabados polas súas palabras
Prezadas lectoras e lectores,
Moi boas e calorosas tardes, é un pracer para min poder compartir por fin con vós o pregón desta Festa da Lectura, do Libro e da Palabra.
FERROL 1916
Cinco duros pagábamos de aluguer.
Era um terceiro andar, bem folgado.
Pola parte de atrás dava para o Campinho,
e por diante para a rua de Sam Francisco.
No segundo vivia a minha tia aboa:
Tiña unha peza cheia de paxaros disecados
que só abria os dias de festa
para que os nenos disfrutásemos nela.
Ainda vivia minha mãe
e todos os meus irmaos viviam,
e em frente trabalhava o senhor Pedro o tanoeiro,
e a grande tenda de efeitos navais mantinha o seu trafego.
Na casa tinhamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o mue pai era novo ainda
e no mar do mundo cada dia descobria eu unha ilha.
Via o mar da minha fiestra,
e chegavam cornetas da marinha.
E baixava os degraus duas vezes ao dia para ir à escola,
e duas vezes rubia-os de volta.
As mulheres entom usavam capa e corsé,
e íamos à aldeia em coche de cavalos,
e a rua estava ateigada de pregons de sardinhas
e de ingleses que vendiam Bíblias.
Eu tinha un pacto con Deus:
que ninguén dos meus morreria.
E o pacto era observado,
e eu confiaba na perenidade do pacto.
Todo isto fica tam longe
que aduro podo ainda lembrá-lo.
Esqueceria-o dentro de pouco tempo
se non escrebese estes versos.
Este é un fragmento dun poema de Carvalho Calero de quen celebramos o centenario do seu nacemento.
Poderiamos dicir tamén:
Temos a verba, amor, para decir: abril.
Sob as súas azas frolecerán os días.
Abril: o áer pousa unha cidade nas ponlas
das bidueiras de abril. O noso fogar é.
Viviremos, amor, decindo a verba,
queimándoa, feríndoa, labrándoa
tan doce e temerosamente que ela coide, palabra
abril,
que por nós vive, vivímola e soio é dita: abril
Falariamos duns versos de Herba aquí ou acolá, obra de
Álvaro Cunqueiro
, de quen tamén celebramos a efeméride do seu aniversario. É este, abril, o mes no que comezan as feiras, o mes onde as árbores locen escintilantes os seus abrollos acabados de estrear, o mes no que as páxinas dos libros acampan nas rúas, desafían a chuvia, adoecen coa calor. Pero o papel atura, as letras resisten o envite da intemperie para se achegar ás mans dos lectores e lectoras. Con Eliot, con Rosalía, con Lois Pereiro, con centos de autores e autoras que contan historias para nós, estreamos en Ferrol o mes de abril. E estreámolo porque os libreiros e as libreiras arrastran os seus vultos de soños e nolos ofrecen como froita temperá para alimentar a ilusión e arredarnos da tristura. Da monotonía. Da friaxe da indiferenza. Non é doado. Todos os días ao abrir o xornal, ao prender a radio, ao sintonizar o televisor, ao premer un enderezo en Internet recibimos un auténtico boureo de noticias relacionadas coa crise económica. Sabémolo porque nolo contan os medios pero tamén porque vivimos baixo a sombra alongada das penurias e das preocupacións por chegar a fin de mes. Fronte ao horizonte gris da apatía, e da desesperación os libros seguen ofrecéndonos portas abertas para a esperanza. Segue habendo un mundo agardando por nós en cada libro. Seguen querendo contarnos historias. Cousas do cotío, pulsos contra a tristura para facernos felices.
Por iso hoxe quixen traer comigo un ronsel de faíscas luminosas, un ronsel de esperanzas.
Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Neda? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, queren máis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! Pero xa non abonda cos libros en xeral, hai clubs de lectura de manga, de novela realista, de misterio, de ciencia ficción, de poesía... Xa non abonda coas reunións presenciais, teñen blogs nos que van avanzando os progresos nas lecturas, póñenlles música, vídeos, falan de arte, organizan excursións a escenarios literarios. Tampouco abonda xa coa experiencia dos compañeiros e compañeiras de aulas. Deciden reunirse na rúa, nos parques, nas bibliotecas, con membros doutros clubs e partillar escenas, personaxes, cancións, tramas, finais felices ou tristes, citas literarias.
Deamos unha voltiña por algúns dos clubs de lectura da contorna.
NO CLUB DE LECTURA DO SEGREL DE NEDA
Están a escoitar a música que abanea os libros, a arte que camiña polo medio e medio das páxinas, a Historia que arrola unha novela. Están a ler El tiempo entre costuras de María Dueñas, A elegancia do ourizo de Muriel Barbery, A praia dos afogados de Domingo Villar
NA BIBLIOTECA DE CATABOIS, Teñen non só un clube de lectura para rapaces senón tamén para adultos, e unha armónica de cristal que nos permite ir a chimpos pola historia e coñecermos as máis diversas e interesantes traxectorias musicais. Que leron os adultos? La boda de Chon Recalde de Torrente Ballester, Farenheit 451 de Ray Bradbury ou O neno co pixama a raias de John Boyne, Tamén a Cunqueiro.
CLUB DE LECTURA DE SAN SADURNIÑO
Miguel Anxo Prado con De profundis. Tamén a Miguel Hernández. BIBLIOTECA DO CLUB DE LECTURA DO SOFIA CASANOVA DE FERROL
Entre outros, Dan Brown, a Jean Marie Auel, Aldous Huxley, Ray Bradbury, Isaac Asímov... Neil Gaiman, Laura Gallego, J.R.R. Tolkien, Stephen King...
BIBLIOTECA "SATURNINO HERMIDA" DO I.E.S. CONCEPCIÓN ARENAL (FERROL).
El sueño del celta de Vargas Llosa, a Lois Pereiro, Fin de David Monteagudo, Unha historia que non vou contar de Cid Cabido ou A intervención de Teresa Moure
CLUB DE LECTURA DO IES Fernando Esquío NEDA, Pantasmas de papel
Le a Cornelia Funke, La casa verde de Vargas Llosa, Eduardo Mendoza, A banda sen futuro de Marilar Aleixandre..
CLUB DE LECTURA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE FERROL. Len a Domingo Villar, Bernard Schlink, Miguel Delibes, John Irving, Vicente Verdú, Gabriela Mistral, Curros Enríquez…
Saben que nos di O CLUBE DE LECTURA DO IES DE CANIDO
Colegas, estamos a presentarvos o noso blog do Club De Lectura do IES Canido FERROL.
Os libros están a desaparecer... das mans e as cabeciñas dos adolescentes de Galicia - Spain. Pero aquí estamos nós, Os Morceg@s, para depredar os libros de actualidade que realmente nos interesan.
Os seus libros? O xiro postal, Porca Terra, O bosque dos raposos aforcados, Unha puta percorre europa, O club da calceta, Made in Galiza, O irmán dovento…
Podería seguir navegando un e mil libros máis porque as lecturas son infinitas. Porque os clubs de lectura estanse a espraiar cunha forza vertixinosa que envolve e arrastra coma unha espiral a quen cae neles. É unha revolución silenciosa realmente extraordinaria.
Non é ruidosa, nin mediática, nin dolorosa, nin interesada, nin sanguenta, nin de profundo fedor a petróleo ou gas. Aquí, nestas aulas de esperanza, falan de libros, de historias que os sacoden, de novelas e poemas que andan e desandan nas súas cabezas inquedas. É a revolución da xente nova que nos estamos perdendo porque é máis doado desprezar os seus hábitos e dicir que tolean coa tele ou con Internet ca meternos no que de verdade eles aman. No que len. No que lles gusta. No que odian. No que de verdade os fai soñar. E saben quen promove e fai virar esta espiral? Eles e elas mesmas coa axuda do profesorado quen, sen ningún tipo de compensación curricular ou económica, entrega o seu esforzo, o seu tempo, en aprenderlles a voar.
Talvez as mozas e mozos sentiran, moito antes xa da súa saída mesmo antes da súa escrita, o bater poderoso do corazón de Stéphane Hessel quen, aos seus 93 e logo de vivir a barbarie nazi e a redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, publica un auténtico éxito de vendas en Francia que agora chega á lingua galega da man de Kalandraka e na tradución de Fernando Moreiras. A obra titúlase Indignádevos! Non é un panfleto, nin un opúsculo, é unha chamada á subversión, como todas as cartas de amor:
Unha carta de amor á Humanidade. Unha carta de amor á mocidade. El dilles aos novos:
Pero hai neste mundo cousas inaceptábeis, e para velas cómpre mirar e buscar. Eu dígolles aos mozos: buscade un pouco que atoparedes. A peor das actitudes é a indiferenza, dicir “non podo facerlle nada, xa me irei apañando”, ao comportarvos así perdedes un dos elementos esenciais que conforman o ser humano, un dos seus compoñentes indispensábeis: a capacidade de indignación e o compromiso que implica.
Por iso, que este pregón sexa un convite a que fagan da súa revolución silenciosa estrondo, que abandonen os seus cuartos, que tomen a feira do libro, que deixen de ser invisibles. Porque non están sos nin soas. Somos milleiros os lectores e lectoras que seguimos amando os libros e desexando compartilos. Non somos unha minoría cativa. Non quedamos apampados coas pantallas da tele e do ordenador, seguimos tecendo historias na nosa cabeciña amasadas por outros. E esas historias bulirán a outras cabezas e de aí a outras. Esta revolución lectora é imparable, non ten fronteiras nin límites agás a nosa vontade de formar parte dela. Por iso tomen a feira, fagan do seu silencio unha experiencia compartida, tendan a man cara aos libros, abran a porta a todas as historias que aínda están por coñecer. E lean, tan só iso, lean.
Ningunha crise poderá roubarnos iso. A capacidade de mergullar nun libro e mudar con el de realidade, de historia, de mundo. A capacidade de soñar.
Porque, como remata a mensaxe de Stéphane Hessel.
A todas e todos os que farán o século XXI, dicímoslles con afecto:
CREAR É RESISTIR
RESISTIR É CREAR

E, como di
Manuel Rivas
no seu extraordinario prólogo titulado A nova conquista do pan:
Hai na indignación de Stéphane unha certa felicidade insurxente das palabras. Tavez o selo da Resistencia. Talvez a sensación de revivir: un rescate asociado á esperanza. Talvez o non saberse soas, as palabras. O ser partilladas. Ao cabo, esta resma de papel vibrante é de estirpe libertaria e quixotesca e vén cara a nós mentres pregoa no galope: “Este libro é feliz pois vai buscarvos.
Remato con
Lois Pereiro
, con ese cuspe de furia necesaria de quen celebramos este ano o Día das Letras Galegas pero, sobre todo, as súas ganas de vivir.
(Cunha bala calibre sete
sesenta e cinco
no peto máis pequeno do
vaqueiro, sei que
a miña vontade é decisiva para
escoller
o momento e o lugar. E
apálpoa cos dedos
a todas horas.)
Mala sorte
E por primeira vez desde que souben
que aínda respiraba e seguía vivo
sei o que é sentir medo a non estalo
Interrompido na mellor escea
cando estaba soñando un soño dérmico
de paixón e beleza
cunha serea distancia literaria e sabia
Só ela podía ser tan inoportuna
groseira inculta e pouco delicada
chamándome despois de ter sobrevivido
á confortable atracción do fracaso
e saber dunha vez o que era a vida
amar e ser amado.

Non estamos na lista pero lemos a Cunqueiro e a Lois Pereiro e a ... Rosa Aneiros entre outros e sentimos e soñamos e vivimos coa lectura.

Nos enlaces podemos ver o que fan nalgúns dos Clubs que Rosa cita.

Grazas Rosa polas túas palabras que nos animan a seguir.

6.15.2011

SOL DE INVERNO









More PowerPoint presentations from aSGuest101457


Este é o resultado do traballo máis complicado do curso. Complicado polo libro en si, que tivemos que ler e comentar aos poucos porque non é doado de ler para adolescentes e complicado porque era difícil visualizalo, atopar imaxes, buscar fondos que derán a tristura que o libro transmite, porque había que poñer en funcionamento a imaxinación que está moi enferruxada pola rutina e a falta de tempo .... Esperamos que vós guste.

SOL DE INVERNO

O pasado martes tivemos a , por este curso, derradeira xuntanza dos maiores. A obra estaba moi traballada porque despois de lela fixemos un itinerario literariodela seguindo á protagonista principal, a Inverno, que non foi nada doado porque as imaxes non respondían ás suxestións que en nós provocara a lectura, pero fomos buscando e ofreceremos o resultado do noso traballo despois do resumo e da presentación, moi breve, da autora.


Rosa Aneiros naceu en Valdoviño no 1976. É xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación.
En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre, Resistencia, O xardín da media lúa, Veu visitarme o mar, Ás de bolboreta e Sol de Inverno . Ademais ten publicados relatos en varios volumes colectivos. Conta no seu currículo con moitos premios , entre eles o Xerais precisamente pola novela que acabamos de ler.

Sol de Inverno é, na nosa opinión, unha novela coral, porque aínda que o fío conductor é o personaxe central: Inverno e as súas vivenzas, ao seu redor hai outras vidas que teñen a mesma importancia no libro e sen as que non sería o que é.
Inverno é filla dun médico rural, dun cubano fillo de inmigrantes, idealista e descreído, que exerce na perdida e imaxinaria Antes, unha aldea costeira mal comunicada e misteriosa e dunha "señorita" da alta burguesía cubana, filla dun "criollo" e dunha labrega emigrada capaz de prestarse a calquera humillación con tal de chegar a ser a muller dun rico e ruín "hacendado" que a saque da miseria e a faga unha "señora" da alta sociedade.

A morte marcará a Inverno dende moi nena, dende o momento en que o rapaz rico da aldea mata a Fiz o seu primeiro amor, vaina seguir cando a familia foxe de Antes, durante a guerra civil, e chega á Barcelona branco dos bombardeos fascistas onde ve como unha viga atravesa á única amiga que consegue facer: Silvia, a nena dos pombos mensaxeiros.
Síguea ao exilio francés en cuxos campos de concentración ve morrer a uns de fame e a outros vítimas da loucura mentres ela se aferra ao doce recordo de Fiz e á saudade de Antes para sobrevivir.
Despois marchará da Francia hostil aos refuxiados españois cara Cuba, a casa dos avós que non coñece nin quere coñecer. En Cuba vai ser onde se crucen outras vidas coa súa, a da súa tía Teresa, á que escoita bater con furia as teclas do piano pero da que non sabe nada. Os avós paternos aos que cría mortos. A historia dos seus pais, da nai á que non entende e do pai tan querido e sempre ausente e sobre todo a da bisavoa Luzdivina á que sabe doente pero non sabe de que doenza ata que Eugenio, o médico da familia, lle da unha pista.
Por Luzdivina sabe das fazañas do avó Ezequiel, capaz de maltratar a unha muller ou de facer que aforquen ao noivo da filla porque non lle gusta, non é da súa caste indecente, explotadora e inflexible. Das "miserias" da avoa Lola convertida nunha "señora" que exerce de tirana e presume do que non é. Do bisavó Andrés, co que Luzdivina fala ao pé da tumba mesturando recordos de toda unha longa vida, aferrándose a Inverno porque cre que é a súa nai a quen non recoñece.
Inverno sufrirá a vida banal e absurda da sociedade cubana coa que non quere mesturarse e as sombras do pasado que non lle deixan ver o que ten diante, ata que decide marchar, confirmar a herdanza cruel da bisavoa e refuxiarse en Antes, onde esperar que ata o longo recordo de Fiz desapareza nas brumas do mar do esquecemento que se vai facendo dono dela, porque está condenada a esquecer, é o destino dos que teñen alzheimer.

LOS GIRASOLES CIEGOS

Preto, moi preto, pero á vez moi lonxe de nós queda a Guerra Civil. Os nosos pais escoitaron "relatos" dos seus e tremeron coas experiencias e os sufrimentos, coas vinganzas e co medo que estaban detrás daquelas historias terrible que algún deles viviu e outros só escoitaron contar.
Aquela guerra innecesaria e cruel que sacudiu e separou á sociedade española xa é só historia pero debemos aprender a lección e, ademais de escoitar as "historias" dos nosos avós e aprender nos libros de texto, podemos acudir á literatura
.
Este curso dedicamos boa parte da nosa atención a afondar no tema a través de autores que nola plantearon de maneiras moi diversas, dende sentila como algo lonxano ata que a dor pola perda dos seres queridos a fai presente en Silencio en el corazón de Jaume Cela, ata a serena evocación do sufrido que nos fai Delgadina en Noche de alacranes a esta nova forma de enfocala como a historia de catro batallas persoais libradas na soidade interior dos seus personaxes, no seu pequeno mundo interior.
Los girasoles ciegos
é a historia da derrota individual ante a crueldade, a inxustiza, a incultura e a barbarie.
Os personaxes das catro historias que narra Alberto Méndez son persoas esgotados, fartas de loitar contra o absurdo que sobreviven tentando manter a súa ética, a súa dignidade e a súa vida nun tempo no que nada disto parece verdadeiro valor.
Sinxela, realista e á vez cargada de simbolismos, Los girasoles ciegos é unha obra sobre a memoria. Sobre a memoria colectiva que debe pasar xa ao lugar que lle corresponde, ao pasado.
Son catro historias: "Si el corazón pensara dejaría de latir", "Manuscrito encontrado en el olvido", "El idioma de los muertos" e "Los girasoles ciegos" que da título ao libro.
O primeiro relato, ten como protagonista ao capitán Carlos Alegría, oficial do exército nacional, quen se rende aos republicanos cando as tropas golpistas están entrando en Madrid. Ningún dos dous bandos o entende pero o oficial faino porque aínda abominando do inimigo, non quere sentirse responsable da súa derrota; porque é a súa forma de expiar o innecesario desangamento ao que se someteu á capital de España entre 1937 e 1939.
O segundo, 1940, cóntanos o periplo dun mozo, un poeta entre as balas, segundo as súas propias palabras, que foxe dos vencedores cara ás montañas asturianas en compañía da súa muller embarazada. A rapariga dá a luz un neno e morre tras o parto. A través dun diario, cóntanos a loita que emprende o pai para salvar a vida do seu fillo, o seu fracaso e desesperación.
O terceiro relato, 1941, xira ao redor dun soldado republicano, Juan Senra que coñece ao fillo do presidente do tribunal que vai a xulgalo e tenta conseguir uns días máis de vida inventando unha historia na que o mozo traidor é convertido no heroe que queren os seus pais. Finalmente, a mentira á que se agarra dálle noxo a el mesmo e conta a verdade, que o levará á morte da que fuxía con enganos, pero séntese limpo e liberado.
É un libro triste porque as guerras e as súas consecuencias son tristes, que nos fixo sentir pena e xenreira, pena polos derrotados e xenreira polos que se chamaron a si mesmos vencedores pero que en realidade foron pobres xentes guiadas pola cobiza e a vinganza, incapaces de comprender e perdoar, se tiveran algo que perdoar porque en realidade eran impostores, ladróns da vontade dun pobo ao que tiveron que someter pola forza das armas e polo terror das represalias moitas veces sen sentido.

Despois de ler o libro vimos a película e se aquel nos puxo tristes esta fixo que máis de unha chorara e que outros tiveramos que pechar os ollos en moitas ocasións diante tanta miseria e ruindade. ¿Como pode haber xente que non sinta vergoña dese pasado? ¿Como poden algúns botar en falta aqueles tempos? Non entra na nosa cabeza tanta sinrazón.

O grupo B



3.04.2011

NOCHE DE ALACRANES

Noche de alacranes de Alfredo Gómez Cerdá foi, polo de agora, a última lectura do grupo de maiores. Despois da lectura que se prolongou máis do debido por causa de exames e outras tarefas obrigatorias, fixemos un Libro-forum que foi como segue:

Luz presentou ao autor:

Alfredo Gómez Cerdá, naceu en Madrid, no barrio de Carabanchel Baixo. É licenciado en filoloxía española. Segundo el mesmo di sentiu atracción pola literatura dende pequeno. Ler transportábao dende do seu barrio, gris e vulgar, a lugares incribles, con paisaxes fascinantes e seres humanos moi diferentes aos que coñecía. Ao mesmo tempo descubriu que escribir lle permitía expresar as súas ideas e comunicarse cos demais.
Decidiu moi pronto que os libros o acompañarían sempre aínda que na súa casa non eran abondosos e non foi unha persoa criada nun ambiente intelectual, rodeado de libros e lecturas.
Non foi un gran estudante; deixou os estudos ao rematar o Bacharelato e comezou a traballar nunha compañía de seguros primeiro e despois na administración, pero na oficina aburríase e a literatura seguía chamando por el, así que con 21 anos decide matricularse na Facultade de Filoloxía Hispánica a onde acudía na quenda de tarde. Durante sete anos case non escribiu, algúns guións para cine e algunha poesía, pero non era o que quería e se ben deu os seus primeiros pasos literarios no mundo do teatro é moito máis coñecido polas súas novelas para público infantil e xuvenil. En 1982 gañou o seu primeiro premio ao obter o segundo posto no Premio Barco de Vapor, que gañaría en 1989., pero ten outros vinte e tres premios máis. Publicou máis de 80 libros, escribiu varios guións para cómic, colaborou en prensa e en revistas especializadas e participou en numerosas actividades relacionadas coa literatura infantil e xuvenil. Moitos dos seus libros foron recoñecidos con prestixiosos galardóns, dentro e fóra de Europa. As súas obras foron publicadas en varios países de Europa América e Asia neste último continente destacan as traducións ao árabe en Líbano, chinés e coreano.
(No enlace está a páxina do autor, moi divertida, por certo)

O libro foi presentado por Antela .
Quixocomezar a presentación do libro cun fragmento do mesmo traducido á nosa lingua porque "nos gusta como sona".
"Logo dos sobresaltos e as emocións que o día lle deparou, pensaba que nada conseguiría reter a súa atención durante as primeiras horas da noite, que tan longas se lle facían e que procuraba entreter con algún programa banal de televisión, ou cunha deses acesos faladoiros da radio, ou coas páxinas cheas de cores e arrebatos dalgunha revista. Aínda que non perdera o gusto polos libros, prefería ler pola mañá, á luz do día, nese tempo apracible entre o final das rutineiras tarefas domésticas e a hora de comer.
Con todo, levaba un bo intre lamentándose en voz alta e deambulando como alma en pena sen atopar acomodo en ningún lugar, nin sequera na súa butaca preferida, a de respaldo firme e brazos de madeira, que levaba máis de corenta anos na súa casa. Primeiro fora a butaca de Lucien, ou como sempre o chamou ela, o "francés". Despois, converteuse na máis entrañable herdanza do marido.
Comprárona nunha pequena e escanastrada tenda taller nos arredores de Toulouse porque el se empeñou.
-Que máis dará un sitio ou outro? -díxolle ela-. Todas as butacas son iguais.
-Erraches -asegurara o francés, sinalando a un home que leaba un cigarro xunto á vellísima porta de cuarteiróns que daba acceso á tenda- O home que ves alí faranos unha butaca coas súas propias mans, coa súa experiencia e co seu orgullo.
Era o dono daquel establecemento quen fabricaba persoalmente todo o que alí se vendía. Facíao no taller situado na parte traseira. Polo xeral, cando o día non ameazaba chuvia, sacaba a mercancía á propia rúa e colocábaa sobre a beirarrúa. E non deixaba de resultar curioso, pois nada do que sacaba á rúa estaba á venda. Era, como dicía el cun pouco de sorna, o mostrario. Aos clientes e curiosos que se achegaban ensináballes cun chisco de orgullo as súas mans encalecidas e, logo de esbozar un conciso sorriso, aseguraba que todo saía daquelas mans e da súa cabeza. E para reforzar esta última idea apuntábase a fronte co índice dunha man.
-Podo facerlles unha butaca como a mellor butaca do mundo -díxolles aquel artesán-. Pero, iso si, non me metan présa. Déanme un número teléfono e cando estea terminada chamareinos.
Tardou algo máis de seis meses en facer a butaca, pero mereceu a pena. Logo de corenta anos non estaba como o primeiro día, senón moito mellor.
Cando morreu o francés, dez anos atrás, ao regresar do cemiterio onde lle deron sepultura ela tomou posesión da butaca. sentou por vez primeira e un estremecemento percorreulle todo o seu ser, coma se a enerxía do francés estivese aínda presente e infiltrouse polos poros do seu propio corpo. Entón volveu chorar outra vez polo francés, pola súa ausencia xa irremediable, e díxose con firmeza que ninguén a separaría nunca daquela butaca.
E cumprira a súa palabra. Cando decidiu volver a España –ao seu pobo da montaña, primeiro; á capital, despois- o que máis a preocupara era a butaca. Díxollo aos do camión da mudanza.
-Moito coidado con esa butaca.
Mentres estivera cerca da butaca era como se el nun marchara de todo. As veces poñía as mans enriba daqueles brazos de madeira torneados e tiña a sensación de que estaba acariñando os robustos brazos de Lucien, as súas mans anchas, os seus dedos ...."

Co recordo da compra da butaca e o do marido francés morto comeza o libro.
Catalina, ou "Delgadina" segundo o mote que lle puxera Tirso, aló nas montañas de León, onde se agochaban os "maquis" os homes fuxidos cos que tivo que convivir, entre os que se atopaba Tadeo, o seu irmán.
A noite en vela, a noite dos alacráns a espera de meter o veleno no corpo das vítimas, o veleno dos recordos encerrados na valla caixa de galletas normandas.
A novela xoga co "flash back" facendo saltar ao lector no tempo. Grazas á magnífica memoria da protagonista que conserva intactos uns recordos que a invitación do profesor Cega vai espertar.
Catalina vai ao instituto a encontrarse cos "zagales", a experiencia remove na súa mente o pasado e a partir de aí, na noite de alacráns que segue rememorará a súa vida de "anxo cheo de valentía ou de revolucionaria perigosa" segundo quen a xulgue, cando en realidade, nalquel tempo só era unha mociña indefensa e chea de medo que o arrisca todo por axudar a Emilio , o seu amor, a súa vida.
A fuxida, os mortos que quedan detrás, a nova vida, o amor sereno de Lucien, a amizade de Dolores que quedara na aldea, a morte da nai que perdera o don da palabra dende que a levaran ao cuartel, a esperanza de que Tadeo non caira baixo as balas inimigas.... A morte de Lucien e o retorno...
Emilio! Que sería de Emilio?
Emilio estaba alí, en León, ela atópao primeiro, espia os seus movementos, pero non se achega, ten medo, vergoña ...
A foto dela no instituto, os titulares no xornal farán que el a recoñeza e volva a ofrecerlle chocolate, o doce que compartían nos días negros da vida dela, e a viaxe..... a viaxe prometida ás pirámides de Exipto que el non visitara porque prometera que o faría con ela.
No espazo reducido dun cuarto o autor presenta toda unha gama de paisaxes, de pobos, de cidades, mais sobre todo da montaña, da montaña dos "maquis" e dos gardas que nós temos que ir adiviñando porque as referencias son inconcretas se exceptuamos algún nome solto: o río Bernesga, Oviedo, Bilbao, Toulouse, León.
En canto ao tempo nunha soa noite presenta sesenta anos dunha vida, da vida dunha muller que sufriu e amou, que gardou lembranzas doces e amargas, que viviu intensamente e quería seguir vivindo.
A novela refire as atrocidades que se cometeron na posguerra pero o que interesa non iso senón o axuste de contas coa memoria, cun tempo fóra da razón e co amor adolescente gardado como un tesouro.

Os comentarios e intercambio de opinións deron para moito, pero en resume:
O libro gustou moito e sorprendeu porque pensaban que a represión rematara coa guerra, non sabian que durou case tanto como o dictador.
Queren deixar claro que:
Recomendamos a súa lectura porque é entretida e porque nos descubre cousas que non sabemos sen ser un "rollo" histórico, con sinxeleza, sen dramatismos esaxerados, sen truculencias.
Rematamos coa presentación que elaboramos xogando a imaxinar os lugares máis sinalados na novela coa que quixemos homenaxear ás MULLERES LOITADORAS.

Noche de alacranes



1.31.2011

SILENCIO EN EL CORAZÓN

O pasado xoves, aproveitando que estabamos na biblioteca dando os últimos toques ao material para o Día da Paz, fixemos unha xuntanza do Club Lector. Tendo en conta que o libro que estaba a ler o grupo era: Silencio no corazón, de Jaume Cela.pensamos que era unha boa ocasión xa que o tema estaba moi relacionado coas actividades que estabamos a preparar, porque trata sobre a guerra civil española vista e vivida por dous adolescentes que maduran ao ritmo do drama que envolve a case todas as familias do pequeno pobo catalana no que viven, un pobo que sen ser escenario bélico, "sofre as consecuencias dunha guerra fratricida e sen sentido, como todas as guerras".
O primeiro que se comentou foi que era unha novela "especial" xa que trata a guerra dun xeito diferente, distante, porque non presenta grandes traxedias, non busca impresionarnos con accións bélicas, nin sequera, apuntou Luz, tenta impresionarnos, senón facernos ver como uns adolescentes inocentes, que oían falar de guerra pero non entendían que significaba, que a sentían como unha palabra referida a algo afastado, "inconcreto", alleo as súas vidas, descobren a inxustiza e morte e a asociación desta coa guerra.
Tamén se fixo referencia ao feito de que no pobo, que non aparece localizado xeograficamente, aínda que todos teñen súas ideas e hai dos dous bando, a xente fala con confianza, mesmo defenden, como é o caso do alcalde, un home de esquerdas de toda a vida, aos que pensan doutra maneira, como no caso de don Miguel, o cura, de dereitas por principio ao que salva a vida e axuda a fuxir a Francia porque considera que é unha boa persoa. Ese sentimento de unidade e xustiza dunha pequena comunidade campesiña que está por riba de rivalidades ideolóxicas, tampouco é o "normal" nas novelas que falan de guerra e menos nas que tratan a guerra civil..
Tod@s salientaron os valores que plantea o libro: a amizade fonda de Xoán e Xurxo, o cariño e a unión da familia co tío Bernardo tentando explicarlle a Xoán porque vai á guerra, amor, un sentimento polo que o autor pasa de puntiñas falando das bromas e xestos de cariño dos pais de Xoán, e de María e o mozo da casa Mercadal, ela argallando para pasar uns días con el e el afundido polo drama da morte da rapaza confesando aos pais que a quería -" Queríaa moito. Máis que a miña vida"- O amor adolescente de Xurxo que o fai desgraciado porque Rosario non lle corresponde, o respecto ao vello mestre, a resignación da señora Henriqueta, a fidelidade simbolizada no can que non a abandona nin despois de morta, a bondade do tío Bernardo: -"Se cadra a vida da túa nai acabará sendo máis heroica ca dos soldados que estaremos na fronte defendendo aquilo no que cremos, facendo valer a nosa idea dun mundo mellor...."-
A novela gustou moito pola sinxeleza da narración que Antela resumiu citando o parágrafo no que o tío Bernardo lle explica a Xoán por que hai guerras: -" Non o sei, Xoán. Imaxino que por diñeiro, por ter máis poder, porque hai xente que nunca está conforme con que manden os outros. Se cadra porque non queren compartir o queixo ...." e fala do seu optimismo porque " Somos boa xente, a pesar de todo". Tamén gustou pola maneira tan natural que ten de enfrontar os feitos, a morte é terrible, si, pero é algo que está aí, certo que detrás hai vinganza, envexa, rabia, pero o autor non se "ensaña", só presenta os feitos, deixa que a nosa imaxinación se una á dos rapaces protagonistas, fai que compartamos o seu medo, que vexamos que ata o que está lonxe pode achegarse a nós, pode golpearnos, pero que todo se supera, como supera Xoán a impresión de ver ao morto, tal como don Ramón, o mestre demócrata que non vai fuxir, lle explica que superou a morte dos seu pai.
Na novela hai emocións que chegan facilmente ao lector, que se contaxian, sentimentos que compartidos son máis sinxelos de levar e, como apuntou María, forza, forza derivada da amizade, do cariño, do amor, que axudan a superalo todo. Tamén esperanza, a esperanza de toda unha vida por diante, de soños por cumprir.
Como anécdota hai que apuntar o debate que provocou o feito de que non diga, en ningún momento, o nome do pobo. Estaba claro que era un pobo pequeno e catalán, pero que pobo?. Non era importante pero a intriga era tal que estivemos tirando de fíos conductores bastante tempo ata chegar a que era un pobo de interior, detrás da Cordilleira Costeira, seguramente de Monserrat, porque non parece estar moi lonxe de Barcelona, nunha chaira polo tipo de cultivos e probablemente no camiño da fronteira con Francia pero non cerca, está no curso dun río que pode ser o Llobregat ou algún dos seus afluentes, un pobo da Bergedà, apuntaron algúns que tiñan ben estudado o mapa de Cataluña e ata tiñan fotos! Imos crer que teñen razón porque aportan unhas fermosas imaxes que deixamos aquí:



1.30.2011

CASTELAO


"Se aínda somos galegos e galegas é por mor da lingua"


DE QUE MORTE MORREU A NOSA PRENDA ?

¡Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areiro que te foras
de seriedade pol- a plan vereda...
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin...
Na noite pecha,
entrei pinal adiante, medoñento,
a alma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal que tempos idos
escoitóu a tua prácida conversa
có sabidor e xurdio,
profundador de voces milagreiras,
inquiréu delorido, en desespero:
¿De qué morte morréu a nosa prenda?
Atravesoume o peito
un dór punxente e esguío de saieta
e díxelle a verdade crú, tinguindo
c'unha pinga de sangue cada verba:
¡Morréu do mal dos bós e xenerosos!
¡Morréu de amor a Terra!


Ramón Cabanillas

1.23.2011

POLA PAZ

Dous poemas de Celso Emilio Ferreiro

Un poema solidadario

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Un poema de esperanza

Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Está mudo o reiseñor
que outrora cantar solía.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.

Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía…
Ela fía i eu confío
no albor do novo día.


DÍA DA PAZ 2011

1.11.2011

UNA HABITACIÓN EN BABEL

Unha das nosas lectoras aporta a súa propia visión

Gustoume. A historia é moi interesante e entretida, o malo é que dentro da historia hai historias que se perden, Quero dicir que hai personaxes interesantes que só se asoman a historia, como Berta e Lucía, dos que case non se fala, son persoas normais que aparentemente, polo menos, non teñen ningún pasado feo que esconder, polo tanto quedan esbozados é non pasa nada, pero hai outros, un en concreto: Stéfano, do que o único que conta é que é un emigrante italiano que ao principio era un rapaz agradable pero que se xunta con quen non debía e acaba por ter problemas serios coa policía, aínda que non queda claro se se xunta realmente con quen non debe ou detrás está o pai do que non se di nada pero está claro que viven na mesma casa e algo tiña que ver... . Eu esperaba saber que se agochaba detrás de Stéfano, esperaba unha historia intrigante ou terrible, pero a novela non di nada, nin sequera por que acabou como acabou aínda que podemos pensar en que quere diñeiro fácil. Por outra parte está Rashid que parece ser unha das malas influenzas de Stéfano pero non é así, non é a mala persoa que nos presenta ao comezo, senón unha persoa movida polas circunstancias adversas que resulta boa e case heroica cando axuda a Ángel e a Nor, Rashid coñecía ben o ambiente das zonas de entrada, sabía moitas cousas, pero por que?. Intrigoume Stéfano e intrigoume Rashid pero as historias que hai detrás deles quedaron no aire.

Antela

1.10.2011

UNHA HABITACIÓN EN BABEL

Lemos Una habitación en Babel, de Eliacer Cansino

Entre tod@s elaboramos o resume que segue:
A novela comeza presentándonos o que todos os personaxes teñen en común: un pobo ficticio con nome de pícaro de novela, Alfarache, no sur da Península e o edificio no que viven, a Torre, unha fea e enorme construcción, chea de pintadas, desconchados e outras lindezas polo estilo. Símbolicamente o autor chamao Babel porque, como na torre bíblica, nel conviven moitas linguas, culturas e etnias:
Viven tamén na Torre indios, marroquís, ecuatorianos, españois, guineanos, nixerianos...Trasegan dun lado para outro, trapichean, traen e levan o sustento das súas vidas, as historias con que arman as súas conciencias, a memoria porentas dos desertos, os caracois, o baile de millo.....
Xentes moi diferentes procedentes de países distintos, de culturas e civilizacións moi afastadas, de estratos sociais con pouca relacións entre si mais cun obxectivo único: sobrevivir. Dende Stéfano coas súas pizzas e trapicheos á avoa de Berta co seu inseparable programa de saúde de televisión, pasando por Nor chegado da África ecuatoriana e Gil, personaxe inclasificable que ao longo da novela iranos desvelando a súa historia e o seu lugar en Babel ata Ángel o profesor de Filosofía do instituto que serve de nexo a todos e que chegou a Babel fuxindo da súa amada Castela para deixar atrás lembranzas da muller morta e dun pai que tenta valerse del para paliar o seu fracaso e facerse coa fortuna do seu compadre e que fai que foxa do ambiente rural que os asfixia e se refuxie na Universidade e na docencia. Non queda claro por que Ángel se instala en Babel se foi para fuxir dos seus colegas, para mirar a realidade desde un lugar privilexiado ou, simplemente, para deixarse encher de vida exterior porque é unha persoa que precisa apagar os seus silencios interiores alí onde ninguén saiba que existen.
A acción arranca cando Berta perde o seu Memorín, un caderno no que ten escritas moitas cousas persoais pero tamén algo moi importante, o inicio dunha novela que cre que vai ser un verdadeiro éxito. A partir da busca da libreta axudada por Marcos, o seu namorado, que monta toda a "historia" para chamar a atención da moza, vaise desenrolar o que parece unha primeira parte da novela. Nela coñeceremos a case todos os personaxes. Os adolescentes: Berta, Marcos, Stefano, Rachid e Nor e os adultos: Ángel, Lucia e Gil ademais do Chancas o chabolista escuro, traficante de case todo, representante dun mundo cheo de ameazas, de trampas, de chantaxes, de servidumes; mundo perigoso para quen trata de entrar no seu mundo (puñadas a Gil, cartas a Ángel) que vai facer de ponte entre as dúas partes do libro. Esta primeira parte intranscendente, típica, cos tópicos de calquera novela xuvenil: un espazo urbano, cidade dormitorio, á beira dunha gran cidade, un instituto con rivalidades entre os seus alumnos, e supoñemos que tamén entre os seus profesores e alumnos que deambulan cos seus propios intereses. Con todo esta bagaxe poderiamos prever que estamos ante unha novela de adolescentes nos seus espazo natural: o instituto con adolescentes que sofren e se namoran, con profes que median nas súas vidas, con enfrontamentos máis ou menos graves entre mozos e adultos.
Pero logo a historia avanza e unha aloucada Berta métese no piso de Stéfano para recuperar o Memorín e descobre o tráfico de CD pirateados e a conexión de Stéfano e Rashid. Nor desaparece e prodúcese a visita de Ángel ao Chancla interesándose por Nor, é a visita dun iluso que pensa que vai recibir axuda dunha escoria como o Chancla, pero o autor átanos ao fío da aparición fantasmal na chabola dunha moza negra, personaxe importante porque logo desvelará a Ángel o lugar do desembarco do irmán de Nor: a praia de Bolonia, a onde foi Nor. Ángel é atrapado pola historia do seu alumno e xa non pode retornar, sente a obriga de convencer a Rashid e a emprender a viaxe, e a xogarlla a policía na praia e a transgredir a lei e Rashid o personaxe víctima da novela ao que sociedade condenou a buscarse a vida, a vivir nas marxes da legalidade, o tipo duro e insensible que non quere saber nada de ninguén va acompañar a Ángel porque sabe que o profesor sen el estaría perdido, vai xogarse a vida lanzándose ao mar para axudar aos que baixan da pateira sen saber nadar, vai pasar a noite mollado á intemperie para esconder a Nor e ao seu irmán, vai loitar por axudar e vai conseguir que todo saía ben menos a súa propia vida porque a novela péchase: Gil morreu, Stéfano e Rashid caen nunha redada policía, Berta disponse a pechar a novela que escribira no Memorín, e a vida segue: o trapeiro leva todos o mobles de Gil e Ángel ..... Non sabemos!
É curiosa y un tanto forzada la relación entre Nor y Gil, o seu pai intelectual e as dúas historias que se superpoñen na novela a de Gil na que quizais o autor tenta facer unha incursión na memoria histórica falando de bigadistas e fascistas e o manuscrito de Guzmán de Alfarache que Gil deixa para que Nor poida seguir adiante coa súa vida, porque o vello solitario quere representar a bondade e a historia da familia de Ángel, do pai egoísta e a nai asoballada, namorada en silenzo do compadre benefactor.
Hai outras relacións e partes forzadas pero en xeral gustounos moito.