12.17.2010

EL HUMO DE BIKERNAU

Este curso imos con retraso por causas varias pero onte tivemos unha xuntanza co grupo de maiores. Bueno con tres persoas do grupo de maiores porque os exames mandan e máis en Bacharelato, pero foi unha xuntanza moi productiva porque todas estabamos coa sensibilidade a flor de pel. Viñamos de rematar a lectura de EL HUMO DE BIKERNAU de Liana Millu e a primeira palabra que se pronunciou foi "impresionante", logo viñeron outras, tristes as veces, fortes e rabiosas as máis. O resultado dos comentarios queda no resume que fixeron correxíndose unhas a outras.
Comezamos presentando á autora que é unha descoñecida para case tod@s.

Liana Millu
Naceu en 1914 en Pisa, no seo dunha familia xudía. O seu pai foi un xefe de estación, ao que case non coñeceu, e a súa nai morreu cando ela tiña un ano. Educada polos seus avós maternos e unha tía, aos dezasete anos publicou os seus primeiros artigos mentres se dedicaba ao ensino, pero as leis racistas do estado fascista italiano apartárona do seu traballo en 1938. Ao ano seguinte, un novo decreto prohibíalle o exercicio do xornalismo. En 1943 incorporouse á Resistencia. Arrestada pola Gestapo en marzo de 1944 foi deportada a Auschwitz-Bikernau. Milagrosamente sobreviviu ao campo e tivo a oportunidade de deixarnos a súa testimuña.
Morreu en Xénova, en febreiro de 2005 o mesmo ano no que se traduciu a súa obra, publicada en 1947, ao castelán, pero sempre hai obras e autores, que chegan a nós co paso do tempo e que nos sorprenden é o caso desta obra, que non nos atrevemos a cualificar como novela, porque vai máis aló, é testemuña real, mostra as vivenzas dunha muller, da autora, nun campo de concentración nazi. Como puido esta muller, despois do que viviu, ter esa sorrisa tan fermosa?

EL HUMO DE BIKERNAU
É un conxunto de seis relatos. Cada relato péchase cunha nota enxordecida, cun toque fúnebre, o dunha vida que se apaga. E resulta significativo como estas mortes individuais, persoais, todas tráxicas, pero distintas, pesen moito máis, inflúan moito máis na nosa sensibilidade que os millóns de mortos anónimos reflectidos polas estatísticas, porque Milu fai que coñezamos a esas seis mulleres con nome, con rostro, coas súas características persoais.
LILY, o sostén de Liana, que marcha cara á morte cun xesto indiferente da man da súa kapo, quen sospeita que pode ser unha rival en amores. MARÍA, que entra no campo de concentración sen declarar o seu embarazo, ao contrario, ocúltao faixándose o ventre, porque quere que o seu neno naza, e nace no inferno nocturno do barracón porcallento e ateigado, sen luz, sen auga, sen un cueiro limpo, no medio da tolemia colectiva e da renovada piedade das presas máis endurecidas, pero o reconto é sagrado, ningunha ha de faltar, a parturenta e o neno desánganse e, concluído o reconto, morren. BRUNA que se reencontra con Pinin, o seu fillo adolescente, ao que ve morrer pouco a poco no campo do lado e que non aguanta máis e abrázao a través do arame electrificado para morrer electrocutados. ZINA, a rusa, que se xoga a vida para contribuír á fuga de Iván, ao que non coñece, pero en quen imaxina un parecido con Grigori, o seu marido, asasinado polos nazis.
As irmás holandesas: unha delas, LOTTI elixe o camiño do bordel, ao que a outra, GUSTINE se nega, como esposa namorada que se debate entre dous destinos posibles: manterse fiel ao marido e morrer de fame ou ceder e perder a honra pero conservarse para el -"Volvín ocupar o meu sitio, mirei ao ceo. Do lado de Birkenau chegaba un pouco de fume, e o vento levábao ata Auschwitz. Tal vez, deica pouco, Gustine pasaría lentamente sobre a casa onde Lotti choraba sobre a enorme cama sen facer "-
Cunha obxectividade seca, que ás veces chega a ser un distanciamento irónico, Millu escribe os seis relatos sobre as condicións de vida levadas ao límite do humano e fai que de cada un destes itinerarios humanos nun mundo inhumano xurda un veo de tristeza e de certa poesía, que nos cobre mentres lemos e nos enrabexa aínda que a autora non o pretenda.
"E todo era só fume. Fume sobre os campos de concentración, a cidade e o bordel; fume sobre a maldade e a inocencia, a sabedoría e as tolemias, a morte e a vida"
As kapos eran unha especie de "encargadas" de controlar ás demais presas.



O que queda daquel horror:
O