6.15.2011

SOL DE INVERNO

O pasado martes tivemos a , por este curso, derradeira xuntanza dos maiores. A obra estaba moi traballada porque despois de lela fixemos un itinerario literariodela seguindo á protagonista principal, a Inverno, que non foi nada doado porque as imaxes non respondían ás suxestións que en nós provocara a lectura, pero fomos buscando e ofreceremos o resultado do noso traballo despois do resumo e da presentación, moi breve, da autora.


Rosa Aneiros naceu en Valdoviño no 1976. É xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación.
En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre, Resistencia, O xardín da media lúa, Veu visitarme o mar, Ás de bolboreta e Sol de Inverno . Ademais ten publicados relatos en varios volumes colectivos. Conta no seu currículo con moitos premios , entre eles o Xerais precisamente pola novela que acabamos de ler.

Sol de Inverno é, na nosa opinión, unha novela coral, porque aínda que o fío conductor é o personaxe central: Inverno e as súas vivenzas, ao seu redor hai outras vidas que teñen a mesma importancia no libro e sen as que non sería o que é.
Inverno é filla dun médico rural, dun cubano fillo de inmigrantes, idealista e descreído, que exerce na perdida e imaxinaria Antes, unha aldea costeira mal comunicada e misteriosa e dunha "señorita" da alta burguesía cubana, filla dun "criollo" e dunha labrega emigrada capaz de prestarse a calquera humillación con tal de chegar a ser a muller dun rico e ruín "hacendado" que a saque da miseria e a faga unha "señora" da alta sociedade.

A morte marcará a Inverno dende moi nena, dende o momento en que o rapaz rico da aldea mata a Fiz o seu primeiro amor, vaina seguir cando a familia foxe de Antes, durante a guerra civil, e chega á Barcelona branco dos bombardeos fascistas onde ve como unha viga atravesa á única amiga que consegue facer: Silvia, a nena dos pombos mensaxeiros.
Síguea ao exilio francés en cuxos campos de concentración ve morrer a uns de fame e a outros vítimas da loucura mentres ela se aferra ao doce recordo de Fiz e á saudade de Antes para sobrevivir.
Despois marchará da Francia hostil aos refuxiados españois cara Cuba, a casa dos avós que non coñece nin quere coñecer. En Cuba vai ser onde se crucen outras vidas coa súa, a da súa tía Teresa, á que escoita bater con furia as teclas do piano pero da que non sabe nada. Os avós paternos aos que cría mortos. A historia dos seus pais, da nai á que non entende e do pai tan querido e sempre ausente e sobre todo a da bisavoa Luzdivina á que sabe doente pero non sabe de que doenza ata que Eugenio, o médico da familia, lle da unha pista.
Por Luzdivina sabe das fazañas do avó Ezequiel, capaz de maltratar a unha muller ou de facer que aforquen ao noivo da filla porque non lle gusta, non é da súa caste indecente, explotadora e inflexible. Das "miserias" da avoa Lola convertida nunha "señora" que exerce de tirana e presume do que non é. Do bisavó Andrés, co que Luzdivina fala ao pé da tumba mesturando recordos de toda unha longa vida, aferrándose a Inverno porque cre que é a súa nai a quen non recoñece.
Inverno sufrirá a vida banal e absurda da sociedade cubana coa que non quere mesturarse e as sombras do pasado que non lle deixan ver o que ten diante, ata que decide marchar, confirmar a herdanza cruel da bisavoa e refuxiarse en Antes, onde esperar que ata o longo recordo de Fiz desapareza nas brumas do mar do esquecemento que se vai facendo dono dela, porque está condenada a esquecer, é o destino dos que teñen alzheimer.

No hay comentarios:

Publicar un comentario