6.15.2011

LOS GIRASOLES CIEGOS

Preto, moi preto, pero á vez moi lonxe de nós queda a Guerra Civil. Os nosos pais escoitaron "relatos" dos seus e tremeron coas experiencias e os sufrimentos, coas vinganzas e co medo que estaban detrás daquelas historias terrible que algún deles viviu e outros só escoitaron contar.
Aquela guerra innecesaria e cruel que sacudiu e separou á sociedade española xa é só historia pero debemos aprender a lección e, ademais de escoitar as "historias" dos nosos avós e aprender nos libros de texto, podemos acudir á literatura
.
Este curso dedicamos boa parte da nosa atención a afondar no tema a través de autores que nola plantearon de maneiras moi diversas, dende sentila como algo lonxano ata que a dor pola perda dos seres queridos a fai presente en Silencio en el corazón de Jaume Cela, ata a serena evocación do sufrido que nos fai Delgadina en Noche de alacranes a esta nova forma de enfocala como a historia de catro batallas persoais libradas na soidade interior dos seus personaxes, no seu pequeno mundo interior.
Los girasoles ciegos
é a historia da derrota individual ante a crueldade, a inxustiza, a incultura e a barbarie.
Os personaxes das catro historias que narra Alberto Méndez son persoas esgotados, fartas de loitar contra o absurdo que sobreviven tentando manter a súa ética, a súa dignidade e a súa vida nun tempo no que nada disto parece verdadeiro valor.
Sinxela, realista e á vez cargada de simbolismos, Los girasoles ciegos é unha obra sobre a memoria. Sobre a memoria colectiva que debe pasar xa ao lugar que lle corresponde, ao pasado.
Son catro historias: "Si el corazón pensara dejaría de latir", "Manuscrito encontrado en el olvido", "El idioma de los muertos" e "Los girasoles ciegos" que da título ao libro.
O primeiro relato, ten como protagonista ao capitán Carlos Alegría, oficial do exército nacional, quen se rende aos republicanos cando as tropas golpistas están entrando en Madrid. Ningún dos dous bandos o entende pero o oficial faino porque aínda abominando do inimigo, non quere sentirse responsable da súa derrota; porque é a súa forma de expiar o innecesario desangamento ao que se someteu á capital de España entre 1937 e 1939.
O segundo, 1940, cóntanos o periplo dun mozo, un poeta entre as balas, segundo as súas propias palabras, que foxe dos vencedores cara ás montañas asturianas en compañía da súa muller embarazada. A rapariga dá a luz un neno e morre tras o parto. A través dun diario, cóntanos a loita que emprende o pai para salvar a vida do seu fillo, o seu fracaso e desesperación.
O terceiro relato, 1941, xira ao redor dun soldado republicano, Juan Senra que coñece ao fillo do presidente do tribunal que vai a xulgalo e tenta conseguir uns días máis de vida inventando unha historia na que o mozo traidor é convertido no heroe que queren os seus pais. Finalmente, a mentira á que se agarra dálle noxo a el mesmo e conta a verdade, que o levará á morte da que fuxía con enganos, pero séntese limpo e liberado.
É un libro triste porque as guerras e as súas consecuencias son tristes, que nos fixo sentir pena e xenreira, pena polos derrotados e xenreira polos que se chamaron a si mesmos vencedores pero que en realidade foron pobres xentes guiadas pola cobiza e a vinganza, incapaces de comprender e perdoar, se tiveran algo que perdoar porque en realidade eran impostores, ladróns da vontade dun pobo ao que tiveron que someter pola forza das armas e polo terror das represalias moitas veces sen sentido.

Despois de ler o libro vimos a película e se aquel nos puxo tristes esta fixo que máis de unha chorara e que outros tiveramos que pechar os ollos en moitas ocasións diante tanta miseria e ruindade. ¿Como pode haber xente que non sinta vergoña dese pasado? ¿Como poden algúns botar en falta aqueles tempos? Non entra na nosa cabeza tanta sinrazón.

O grupo B



No hay comentarios:

Publicar un comentario