1.31.2011

SILENCIO EN EL CORAZÓN

O pasado xoves, aproveitando que estabamos na biblioteca dando os últimos toques ao material para o Día da Paz, fixemos unha xuntanza do Club Lector. Tendo en conta que o libro que estaba a ler o grupo era: Silencio no corazón, de Jaume Cela.pensamos que era unha boa ocasión xa que o tema estaba moi relacionado coas actividades que estabamos a preparar, porque trata sobre a guerra civil española vista e vivida por dous adolescentes que maduran ao ritmo do drama que envolve a case todas as familias do pequeno pobo catalana no que viven, un pobo que sen ser escenario bélico, "sofre as consecuencias dunha guerra fratricida e sen sentido, como todas as guerras".
O primeiro que se comentou foi que era unha novela "especial" xa que trata a guerra dun xeito diferente, distante, porque non presenta grandes traxedias, non busca impresionarnos con accións bélicas, nin sequera, apuntou Luz, tenta impresionarnos, senón facernos ver como uns adolescentes inocentes, que oían falar de guerra pero non entendían que significaba, que a sentían como unha palabra referida a algo afastado, "inconcreto", alleo as súas vidas, descobren a inxustiza e morte e a asociación desta coa guerra.
Tamén se fixo referencia ao feito de que no pobo, que non aparece localizado xeograficamente, aínda que todos teñen súas ideas e hai dos dous bando, a xente fala con confianza, mesmo defenden, como é o caso do alcalde, un home de esquerdas de toda a vida, aos que pensan doutra maneira, como no caso de don Miguel, o cura, de dereitas por principio ao que salva a vida e axuda a fuxir a Francia porque considera que é unha boa persoa. Ese sentimento de unidade e xustiza dunha pequena comunidade campesiña que está por riba de rivalidades ideolóxicas, tampouco é o "normal" nas novelas que falan de guerra e menos nas que tratan a guerra civil..
Tod@s salientaron os valores que plantea o libro: a amizade fonda de Xoán e Xurxo, o cariño e a unión da familia co tío Bernardo tentando explicarlle a Xoán porque vai á guerra, amor, un sentimento polo que o autor pasa de puntiñas falando das bromas e xestos de cariño dos pais de Xoán, e de María e o mozo da casa Mercadal, ela argallando para pasar uns días con el e el afundido polo drama da morte da rapaza confesando aos pais que a quería -" Queríaa moito. Máis que a miña vida"- O amor adolescente de Xurxo que o fai desgraciado porque Rosario non lle corresponde, o respecto ao vello mestre, a resignación da señora Henriqueta, a fidelidade simbolizada no can que non a abandona nin despois de morta, a bondade do tío Bernardo: -"Se cadra a vida da túa nai acabará sendo máis heroica ca dos soldados que estaremos na fronte defendendo aquilo no que cremos, facendo valer a nosa idea dun mundo mellor...."-
A novela gustou moito pola sinxeleza da narración que Antela resumiu citando o parágrafo no que o tío Bernardo lle explica a Xoán por que hai guerras: -" Non o sei, Xoán. Imaxino que por diñeiro, por ter máis poder, porque hai xente que nunca está conforme con que manden os outros. Se cadra porque non queren compartir o queixo ...." e fala do seu optimismo porque " Somos boa xente, a pesar de todo". Tamén gustou pola maneira tan natural que ten de enfrontar os feitos, a morte é terrible, si, pero é algo que está aí, certo que detrás hai vinganza, envexa, rabia, pero o autor non se "ensaña", só presenta os feitos, deixa que a nosa imaxinación se una á dos rapaces protagonistas, fai que compartamos o seu medo, que vexamos que ata o que está lonxe pode achegarse a nós, pode golpearnos, pero que todo se supera, como supera Xoán a impresión de ver ao morto, tal como don Ramón, o mestre demócrata que non vai fuxir, lle explica que superou a morte dos seu pai.
Na novela hai emocións que chegan facilmente ao lector, que se contaxian, sentimentos que compartidos son máis sinxelos de levar e, como apuntou María, forza, forza derivada da amizade, do cariño, do amor, que axudan a superalo todo. Tamén esperanza, a esperanza de toda unha vida por diante, de soños por cumprir.
Como anécdota hai que apuntar o debate que provocou o feito de que non diga, en ningún momento, o nome do pobo. Estaba claro que era un pobo pequeno e catalán, pero que pobo?. Non era importante pero a intriga era tal que estivemos tirando de fíos conductores bastante tempo ata chegar a que era un pobo de interior, detrás da Cordilleira Costeira, seguramente de Monserrat, porque non parece estar moi lonxe de Barcelona, nunha chaira polo tipo de cultivos e probablemente no camiño da fronteira con Francia pero non cerca, está no curso dun río que pode ser o Llobregat ou algún dos seus afluentes, un pobo da Bergedà, apuntaron algúns que tiñan ben estudado o mapa de Cataluña e ata tiñan fotos! Imos crer que teñen razón porque aportan unhas fermosas imaxes que deixamos aquí:



1.30.2011

CASTELAO


"Se aínda somos galegos e galegas é por mor da lingua"


DE QUE MORTE MORREU A NOSA PRENDA ?

¡Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areiro que te foras
de seriedade pol- a plan vereda...
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin...
Na noite pecha,
entrei pinal adiante, medoñento,
a alma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal que tempos idos
escoitóu a tua prácida conversa
có sabidor e xurdio,
profundador de voces milagreiras,
inquiréu delorido, en desespero:
¿De qué morte morréu a nosa prenda?
Atravesoume o peito
un dór punxente e esguío de saieta
e díxelle a verdade crú, tinguindo
c'unha pinga de sangue cada verba:
¡Morréu do mal dos bós e xenerosos!
¡Morréu de amor a Terra!


Ramón Cabanillas

1.23.2011

POLA PAZ

Dous poemas de Celso Emilio Ferreiro

Un poema solidadario

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Un poema de esperanza

Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Está mudo o reiseñor
que outrora cantar solía.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.

Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía…
Ela fía i eu confío
no albor do novo día.


DÍA DA PAZ 2011

1.11.2011

UNA HABITACIÓN EN BABEL

Unha das nosas lectoras aporta a súa propia visión

Gustoume. A historia é moi interesante e entretida, o malo é que dentro da historia hai historias que se perden, Quero dicir que hai personaxes interesantes que só se asoman a historia, como Berta e Lucía, dos que case non se fala, son persoas normais que aparentemente, polo menos, non teñen ningún pasado feo que esconder, polo tanto quedan esbozados é non pasa nada, pero hai outros, un en concreto: Stéfano, do que o único que conta é que é un emigrante italiano que ao principio era un rapaz agradable pero que se xunta con quen non debía e acaba por ter problemas serios coa policía, aínda que non queda claro se se xunta realmente con quen non debe ou detrás está o pai do que non se di nada pero está claro que viven na mesma casa e algo tiña que ver... . Eu esperaba saber que se agochaba detrás de Stéfano, esperaba unha historia intrigante ou terrible, pero a novela non di nada, nin sequera por que acabou como acabou aínda que podemos pensar en que quere diñeiro fácil. Por outra parte está Rashid que parece ser unha das malas influenzas de Stéfano pero non é así, non é a mala persoa que nos presenta ao comezo, senón unha persoa movida polas circunstancias adversas que resulta boa e case heroica cando axuda a Ángel e a Nor, Rashid coñecía ben o ambiente das zonas de entrada, sabía moitas cousas, pero por que?. Intrigoume Stéfano e intrigoume Rashid pero as historias que hai detrás deles quedaron no aire.

Antela

1.10.2011

UNHA HABITACIÓN EN BABEL

Lemos Una habitación en Babel, de Eliacer Cansino

Entre tod@s elaboramos o resume que segue:
A novela comeza presentándonos o que todos os personaxes teñen en común: un pobo ficticio con nome de pícaro de novela, Alfarache, no sur da Península e o edificio no que viven, a Torre, unha fea e enorme construcción, chea de pintadas, desconchados e outras lindezas polo estilo. Símbolicamente o autor chamao Babel porque, como na torre bíblica, nel conviven moitas linguas, culturas e etnias:
Viven tamén na Torre indios, marroquís, ecuatorianos, españois, guineanos, nixerianos...Trasegan dun lado para outro, trapichean, traen e levan o sustento das súas vidas, as historias con que arman as súas conciencias, a memoria porentas dos desertos, os caracois, o baile de millo.....
Xentes moi diferentes procedentes de países distintos, de culturas e civilizacións moi afastadas, de estratos sociais con pouca relacións entre si mais cun obxectivo único: sobrevivir. Dende Stéfano coas súas pizzas e trapicheos á avoa de Berta co seu inseparable programa de saúde de televisión, pasando por Nor chegado da África ecuatoriana e Gil, personaxe inclasificable que ao longo da novela iranos desvelando a súa historia e o seu lugar en Babel ata Ángel o profesor de Filosofía do instituto que serve de nexo a todos e que chegou a Babel fuxindo da súa amada Castela para deixar atrás lembranzas da muller morta e dun pai que tenta valerse del para paliar o seu fracaso e facerse coa fortuna do seu compadre e que fai que foxa do ambiente rural que os asfixia e se refuxie na Universidade e na docencia. Non queda claro por que Ángel se instala en Babel se foi para fuxir dos seus colegas, para mirar a realidade desde un lugar privilexiado ou, simplemente, para deixarse encher de vida exterior porque é unha persoa que precisa apagar os seus silencios interiores alí onde ninguén saiba que existen.
A acción arranca cando Berta perde o seu Memorín, un caderno no que ten escritas moitas cousas persoais pero tamén algo moi importante, o inicio dunha novela que cre que vai ser un verdadeiro éxito. A partir da busca da libreta axudada por Marcos, o seu namorado, que monta toda a "historia" para chamar a atención da moza, vaise desenrolar o que parece unha primeira parte da novela. Nela coñeceremos a case todos os personaxes. Os adolescentes: Berta, Marcos, Stefano, Rachid e Nor e os adultos: Ángel, Lucia e Gil ademais do Chancas o chabolista escuro, traficante de case todo, representante dun mundo cheo de ameazas, de trampas, de chantaxes, de servidumes; mundo perigoso para quen trata de entrar no seu mundo (puñadas a Gil, cartas a Ángel) que vai facer de ponte entre as dúas partes do libro. Esta primeira parte intranscendente, típica, cos tópicos de calquera novela xuvenil: un espazo urbano, cidade dormitorio, á beira dunha gran cidade, un instituto con rivalidades entre os seus alumnos, e supoñemos que tamén entre os seus profesores e alumnos que deambulan cos seus propios intereses. Con todo esta bagaxe poderiamos prever que estamos ante unha novela de adolescentes nos seus espazo natural: o instituto con adolescentes que sofren e se namoran, con profes que median nas súas vidas, con enfrontamentos máis ou menos graves entre mozos e adultos.
Pero logo a historia avanza e unha aloucada Berta métese no piso de Stéfano para recuperar o Memorín e descobre o tráfico de CD pirateados e a conexión de Stéfano e Rashid. Nor desaparece e prodúcese a visita de Ángel ao Chancla interesándose por Nor, é a visita dun iluso que pensa que vai recibir axuda dunha escoria como o Chancla, pero o autor átanos ao fío da aparición fantasmal na chabola dunha moza negra, personaxe importante porque logo desvelará a Ángel o lugar do desembarco do irmán de Nor: a praia de Bolonia, a onde foi Nor. Ángel é atrapado pola historia do seu alumno e xa non pode retornar, sente a obriga de convencer a Rashid e a emprender a viaxe, e a xogarlla a policía na praia e a transgredir a lei e Rashid o personaxe víctima da novela ao que sociedade condenou a buscarse a vida, a vivir nas marxes da legalidade, o tipo duro e insensible que non quere saber nada de ninguén va acompañar a Ángel porque sabe que o profesor sen el estaría perdido, vai xogarse a vida lanzándose ao mar para axudar aos que baixan da pateira sen saber nadar, vai pasar a noite mollado á intemperie para esconder a Nor e ao seu irmán, vai loitar por axudar e vai conseguir que todo saía ben menos a súa propia vida porque a novela péchase: Gil morreu, Stéfano e Rashid caen nunha redada policía, Berta disponse a pechar a novela que escribira no Memorín, e a vida segue: o trapeiro leva todos o mobles de Gil e Ángel ..... Non sabemos!
É curiosa y un tanto forzada la relación entre Nor y Gil, o seu pai intelectual e as dúas historias que se superpoñen na novela a de Gil na que quizais o autor tenta facer unha incursión na memoria histórica falando de bigadistas e fascistas e o manuscrito de Guzmán de Alfarache que Gil deixa para que Nor poida seguir adiante coa súa vida, porque o vello solitario quere representar a bondade e a historia da familia de Ángel, do pai egoísta e a nai asoballada, namorada en silenzo do compadre benefactor.
Hai outras relacións e partes forzadas pero en xeral gustounos moito.