3.04.2011

NOCHE DE ALACRANES

Noche de alacranes de Alfredo Gómez Cerdá foi, polo de agora, a última lectura do grupo de maiores. Despois da lectura que se prolongou máis do debido por causa de exames e outras tarefas obrigatorias, fixemos un Libro-forum que foi como segue:

Luz presentou ao autor:

Alfredo Gómez Cerdá, naceu en Madrid, no barrio de Carabanchel Baixo. É licenciado en filoloxía española. Segundo el mesmo di sentiu atracción pola literatura dende pequeno. Ler transportábao dende do seu barrio, gris e vulgar, a lugares incribles, con paisaxes fascinantes e seres humanos moi diferentes aos que coñecía. Ao mesmo tempo descubriu que escribir lle permitía expresar as súas ideas e comunicarse cos demais.
Decidiu moi pronto que os libros o acompañarían sempre aínda que na súa casa non eran abondosos e non foi unha persoa criada nun ambiente intelectual, rodeado de libros e lecturas.
Non foi un gran estudante; deixou os estudos ao rematar o Bacharelato e comezou a traballar nunha compañía de seguros primeiro e despois na administración, pero na oficina aburríase e a literatura seguía chamando por el, así que con 21 anos decide matricularse na Facultade de Filoloxía Hispánica a onde acudía na quenda de tarde. Durante sete anos case non escribiu, algúns guións para cine e algunha poesía, pero non era o que quería e se ben deu os seus primeiros pasos literarios no mundo do teatro é moito máis coñecido polas súas novelas para público infantil e xuvenil. En 1982 gañou o seu primeiro premio ao obter o segundo posto no Premio Barco de Vapor, que gañaría en 1989., pero ten outros vinte e tres premios máis. Publicou máis de 80 libros, escribiu varios guións para cómic, colaborou en prensa e en revistas especializadas e participou en numerosas actividades relacionadas coa literatura infantil e xuvenil. Moitos dos seus libros foron recoñecidos con prestixiosos galardóns, dentro e fóra de Europa. As súas obras foron publicadas en varios países de Europa América e Asia neste último continente destacan as traducións ao árabe en Líbano, chinés e coreano.
(No enlace está a páxina do autor, moi divertida, por certo)

O libro foi presentado por Antela .
Quixocomezar a presentación do libro cun fragmento do mesmo traducido á nosa lingua porque "nos gusta como sona".
"Logo dos sobresaltos e as emocións que o día lle deparou, pensaba que nada conseguiría reter a súa atención durante as primeiras horas da noite, que tan longas se lle facían e que procuraba entreter con algún programa banal de televisión, ou cunha deses acesos faladoiros da radio, ou coas páxinas cheas de cores e arrebatos dalgunha revista. Aínda que non perdera o gusto polos libros, prefería ler pola mañá, á luz do día, nese tempo apracible entre o final das rutineiras tarefas domésticas e a hora de comer.
Con todo, levaba un bo intre lamentándose en voz alta e deambulando como alma en pena sen atopar acomodo en ningún lugar, nin sequera na súa butaca preferida, a de respaldo firme e brazos de madeira, que levaba máis de corenta anos na súa casa. Primeiro fora a butaca de Lucien, ou como sempre o chamou ela, o "francés". Despois, converteuse na máis entrañable herdanza do marido.
Comprárona nunha pequena e escanastrada tenda taller nos arredores de Toulouse porque el se empeñou.
-Que máis dará un sitio ou outro? -díxolle ela-. Todas as butacas son iguais.
-Erraches -asegurara o francés, sinalando a un home que leaba un cigarro xunto á vellísima porta de cuarteiróns que daba acceso á tenda- O home que ves alí faranos unha butaca coas súas propias mans, coa súa experiencia e co seu orgullo.
Era o dono daquel establecemento quen fabricaba persoalmente todo o que alí se vendía. Facíao no taller situado na parte traseira. Polo xeral, cando o día non ameazaba chuvia, sacaba a mercancía á propia rúa e colocábaa sobre a beirarrúa. E non deixaba de resultar curioso, pois nada do que sacaba á rúa estaba á venda. Era, como dicía el cun pouco de sorna, o mostrario. Aos clientes e curiosos que se achegaban ensináballes cun chisco de orgullo as súas mans encalecidas e, logo de esbozar un conciso sorriso, aseguraba que todo saía daquelas mans e da súa cabeza. E para reforzar esta última idea apuntábase a fronte co índice dunha man.
-Podo facerlles unha butaca como a mellor butaca do mundo -díxolles aquel artesán-. Pero, iso si, non me metan présa. Déanme un número teléfono e cando estea terminada chamareinos.
Tardou algo máis de seis meses en facer a butaca, pero mereceu a pena. Logo de corenta anos non estaba como o primeiro día, senón moito mellor.
Cando morreu o francés, dez anos atrás, ao regresar do cemiterio onde lle deron sepultura ela tomou posesión da butaca. sentou por vez primeira e un estremecemento percorreulle todo o seu ser, coma se a enerxía do francés estivese aínda presente e infiltrouse polos poros do seu propio corpo. Entón volveu chorar outra vez polo francés, pola súa ausencia xa irremediable, e díxose con firmeza que ninguén a separaría nunca daquela butaca.
E cumprira a súa palabra. Cando decidiu volver a España –ao seu pobo da montaña, primeiro; á capital, despois- o que máis a preocupara era a butaca. Díxollo aos do camión da mudanza.
-Moito coidado con esa butaca.
Mentres estivera cerca da butaca era como se el nun marchara de todo. As veces poñía as mans enriba daqueles brazos de madeira torneados e tiña a sensación de que estaba acariñando os robustos brazos de Lucien, as súas mans anchas, os seus dedos ...."

Co recordo da compra da butaca e o do marido francés morto comeza o libro.
Catalina, ou "Delgadina" segundo o mote que lle puxera Tirso, aló nas montañas de León, onde se agochaban os "maquis" os homes fuxidos cos que tivo que convivir, entre os que se atopaba Tadeo, o seu irmán.
A noite en vela, a noite dos alacráns a espera de meter o veleno no corpo das vítimas, o veleno dos recordos encerrados na valla caixa de galletas normandas.
A novela xoga co "flash back" facendo saltar ao lector no tempo. Grazas á magnífica memoria da protagonista que conserva intactos uns recordos que a invitación do profesor Cega vai espertar.
Catalina vai ao instituto a encontrarse cos "zagales", a experiencia remove na súa mente o pasado e a partir de aí, na noite de alacráns que segue rememorará a súa vida de "anxo cheo de valentía ou de revolucionaria perigosa" segundo quen a xulgue, cando en realidade, nalquel tempo só era unha mociña indefensa e chea de medo que o arrisca todo por axudar a Emilio , o seu amor, a súa vida.
A fuxida, os mortos que quedan detrás, a nova vida, o amor sereno de Lucien, a amizade de Dolores que quedara na aldea, a morte da nai que perdera o don da palabra dende que a levaran ao cuartel, a esperanza de que Tadeo non caira baixo as balas inimigas.... A morte de Lucien e o retorno...
Emilio! Que sería de Emilio?
Emilio estaba alí, en León, ela atópao primeiro, espia os seus movementos, pero non se achega, ten medo, vergoña ...
A foto dela no instituto, os titulares no xornal farán que el a recoñeza e volva a ofrecerlle chocolate, o doce que compartían nos días negros da vida dela, e a viaxe..... a viaxe prometida ás pirámides de Exipto que el non visitara porque prometera que o faría con ela.
No espazo reducido dun cuarto o autor presenta toda unha gama de paisaxes, de pobos, de cidades, mais sobre todo da montaña, da montaña dos "maquis" e dos gardas que nós temos que ir adiviñando porque as referencias son inconcretas se exceptuamos algún nome solto: o río Bernesga, Oviedo, Bilbao, Toulouse, León.
En canto ao tempo nunha soa noite presenta sesenta anos dunha vida, da vida dunha muller que sufriu e amou, que gardou lembranzas doces e amargas, que viviu intensamente e quería seguir vivindo.
A novela refire as atrocidades que se cometeron na posguerra pero o que interesa non iso senón o axuste de contas coa memoria, cun tempo fóra da razón e co amor adolescente gardado como un tesouro.

Os comentarios e intercambio de opinións deron para moito, pero en resume:
O libro gustou moito e sorprendeu porque pensaban que a represión rematara coa guerra, non sabian que durou case tanto como o dictador.
Queren deixar claro que:
Recomendamos a súa lectura porque é entretida e porque nos descubre cousas que non sabemos sen ser un "rollo" histórico, con sinxeleza, sen dramatismos esaxerados, sen truculencias.
Rematamos coa presentación que elaboramos xogando a imaxinar os lugares máis sinalados na novela coa que quixemos homenaxear ás MULLERES LOITADORAS.

Noche de alacranes



No hay comentarios:

Publicar un comentario