4.15.2010

DÍA DO LIBRO



O 23 de abril celébrase o Día do Libro -en cor verde de esperanza polo que vén despois- logo non está demais traer a este blog un libro sobre libros. Esta vez vai ser un membro deste Club de Lectura quen nos deixe a súa visión de:


Fahrenheit 451, de Ray D. Bradbury editada por primeira vez en 1953. Aíquí queda a opinión de Yoli e as imaxes da portada do libro reeditado e do autor rodeado de libros










Libro. Conxunto de follas de papel ou material similar que encadernadas forman un volume.

A palabra libro ten, pois, unha definición como pode tela pechadura, por exemplo. Algunha vez imaxinastes como sería o mundo sen pechaduras? Eu non, pero se me poño a pensar imaxino que sería un mundo máis sincero e máis libre e máis igualitario porque non habería necesidade de escoitar detrás das portas, non habería nada de que avergoñarse porque non habería nada que esconder nin habería necesidade de protexer segredos nin bens xa que sería un mundo no que a sociedade se basearía no respecto a intimidade e a todo o dos demais. Nun mundo así non serían precisas as pechaduras.
E un mundo sen libros? Alguén se fixo esta pregunta? A pesar do moito que me gusta ler e escribir nunca se me ocorrera pensar nun mundo sen libros ata que collín este libro: Fahrenhait 451.
Resultoume impresionante a forma en que Ray Bradbury plasmou a súa idea dun futuro sen libros, ou era só unha idea do que ía ser o futuro?.
A novela reflicte un mundo sen cultura onde o único que se aprende está nuns vídeos moi concretos. Un mundo no que a xente é feliz dividindo o seu tempo entre traballar e folgar, sen máis, sen espazo para pensar, para reflexionar. A parte racional do cerebro estaría anulada por falta de uso, de interese pola cultura en xeral, e polo abuso da televisión e doutros medios manipulados.
Nese futuro os libros están prohibidos e polos avances tecnolóxicos, as casas son ignífugas logo o traballo que teñen os bombeiros en lugar de apagar lumes e prendelos, facer arder os libros, todos os libros . A pouca xente culta o racional que quedaba tentaba agochalos como se agochan os tesouros pero cando alguén descubría o seu segredo e denunciaba ao posuidor de tan pernicioso ben, os bombeiros queimábanlle os libros e todo o que podían.
Con que fin? Evitar a tristeza que producían os libros o que eu non negaría aínda que depende do tipo de libros.
Nesa sociedade futura todos son felices ou así o cren porque non coñecen nada do que está pasando ao seu arredor, non ven, non hai noticiarios polo tanto non saben das desgrazas do mundo, non hai libros, non len, logo non poden chegar a sentir a angustia, o medo, a tristeza nin as demais sensacións non felices dos protagonistas, non sofren confusión, non teñen dúbidas porque non teñen ensaios, non falan de política porque non hai programas, votan ao máis guapo ou a aquel que lle cae ben, porque teñen gobernos democráticos?. Evitan todas as sensacións complicadas, humanas, para paradoxicamente ser felices ocupando a súa mente en folgar e traballar.
O protagonista da historia é un bombeiro que comeza a tomar conciencia da situación e precisa respostas, coñecemento. O seu cambio de mentalidade debeuse a unha serie de conversas cunha adolescente que vivía na casa do lado ata que a atropelou un coche. A rapaza, Clarisse, foi fundamental para darlle o empurrón á conciencia de Guy Montag pero a súa morte e a dunha vella que quixo arder cos seus libros foron a lámpada que prendeu definitivamente no seu maxín.
Montag sempre tivera curiosidade polo que dicían os libros e ás veces roubaba algún. Cando se produciu o seu "cambio" foron, xunto cun catedrático de literatura que coñecerá un ano antes, a súa grande axuda.
Guy e o catedrático tecen un plan para cambiar o seu mundo, pero fracasan porque a súa propia muller e as amigas delatan ao bombeiro. O seu capitán pretende arrestalo e ir na procura do seu anónimo amigo, pero Montag reacciona, quere acabar con recordos baldeiros e cunha relación petrificada, aparente, entón queima a súa casa e co lanzachamas aínda na man vólvese aos compañeiros e ao capitán e préndelles lume tamén. Logo foxe cara ao río polas vellas vías do tren e chega onde certos estraños personaxes que vivían agochados, os homes-libro. Esta xente lía libros que lle eran asignados por cidades e autores, memorizábaos, despois queimábaos e agardaba!, agardaba por tempos mellores nos que tiveran voz e voto para poder contar e reescribir todos os libros que gardaban na memoria.
Na miña opinión esta novela é impresionante, non só pola historia en sí senón tamén pola argumentación porque os motivos que o autor emprega para dicir como se chega a tal situación son tan lóxicos e reais que asustan cincuenta anos despois da publicación do libro, porque o seu futuro está moi vivo hoxe, a televisión, internet ... absorben a atención de mozos e vellos e non só estragan a lingua, arrecantan aos libros cada vez máis. De todos os xeitos creo que ese futuro tan negro está moi lonxano porque aínda hai xente que se move pola cultura, que le aínda que sexa por obrigación, logo hai esperanza.
Estructuralmente a novela comeza e loxicamente remata, pero a historia que relata non. Se enfocamos a novela dende a parte do protagonista o libro comezaría á vez que a historia, pero se o facemos dende esa sociedade futura da que fala o libro comezaría coa historia empezada pero en ningún caso a historia remataría co libro porque a historia non ten final.
O libro importa porque mostra a importancia dos libros hoxe, onte e mañá.

María Yolanda Fontán

A temperatura de ignición do papel é de 450 graos fahrenheit de aí o título do libro

1 comentario:

  1. Gustouche logo o traballo de Farenheit 451? A ver se das co meu blogue, de momento so teño unha entrada, pero pouco a pouco.

    ResponderEliminar