10.04.2010

OS TRES LIBROS



LA FLOR PÚRPURA

Na cidade de Enugu, na exótica Nixeria, unha moza de quince anos, chamada Kambili, e o seu irmán maior Jaja levan unha vida privilexiada. O seu pai é un poderoso e respectado home de negocios, viven nunha fermosa casa e van a un colexio relixioso para xente rica. Mais, como Kambili revela no seu relato con voz doce, a súa vida familiar dista moito de ser harmoniosa. O seu pai é un fanático católico que debuxou unhas expectativas imposibles de cumprir para a súa familia, á que castiga con crueldade se non actúa de acordo co que el considera "a perfección evanxélica. Só cando ten noticia de outros modos de vida Kambili adquire conciencia da escuridade e violencia do seu. A cariñosa e atrevida tía Ifeoma convence a seu irmán para que deixe aos seus sobriños visitala en Nsukka. Unha vez no humilde apartamento da súa tía descobren un mundo totalmente novo, gobernado pola calor do cariño, o respecto ás ideas, a liberdade, a ausencia de castigos... un novo mundo gobernado polo amor
Cando un golpe militar sacude o país e Kambili e Jaja volven á casa transformados pola liberdade conquistada. Os dous mozos xa non son o que eran. A tensión familiar medra porque Jaja xa non está disposto a baixar a cabeza, entón Kambili, terá que madurar demasiado pronto nun mundo hostil e terá que atopar a forza precisa para defender aos seus seres queridos da intolerancia e da inxustiza.

MEDIO SOL AMARILLO

Neste outro libro a autora fainos viaxar pola Nixeria que viviu o conflicto de Biafra, un seses episodios da historia mundial que hoxe xace no faiado das conciencias do mundo, onde se enterran, baixo moreas de trastes, as historias de inxustiza, crueldade e violencia, as dos xogos políticos que levan á morte de tantos e tantos inocentes.
Da man de Chimananda vivimos historias de amor, de orgullo, de resistencia, de terror, de indiferencia, entrelazadas nunha narración dinámica, cálida que, dende a primeira liña invita a mergullarse nunha cultura descoñecida para nos á vez que nos entrega personaxes humanos e palpables que unha vez que cerras o libro quedan con nos mirándonos aos ollos e preguntando: e que farías ti non meu lugar?

ALGO ALREDEDOR DE TU CUELLO

‘Algo arredor do teu colo’ pon diante dos nosos ollos doce relatos. Estes relatos sitúanse entre Nixeria e Estados Unidos e tratan temas como: a familia, a relixión, a política, a tolerancia, etc. Así, un mozo rebelde que coñece o medo na cela número un. Unha nixeriana que vive nos Estados Unidos mentres o seu marido ven e vai enfrascado nos seus negocios. Unha moza que foxe dun enfrontamento na rúa entre igbos e hausas . A dura vida dun profesor xubilado e o seu encontro cunha pantasma do pasado. Un grupo de escritores africanos reunidos nuns talleres literarios. Os amores entre unha moza nixeriana e un americano. Unha mujer que vai pedir asilo político á embaixada estadounidense porque o seu marido periodista está en perigo e xa lle mataron ao fillo. Unha muller que descobre o terrible segredo que se agocha tras a morte do seu irmán; unha madre moza aínda ve como o seu mundo cambalea cando o seu querido marido lle mete á amante na casa compartida, no que cría o seu fogar ou a soidade dunha moza emigrada en Estados Unidos, onde nada é como imaxinara…Non está todo porque este é un libro para ler, non para ser contado. Un libro con historias, non cunha "historia", para descubrirnos o mundo de verdade, non a imaxe que nos dan os xornais ou a televisión.

Non esquezades ler no enlace de Nixería, poderedes saber ata da súa música e entender mellor o que é o país de orixe da autora. Lede tamén no de Biafra e mirade con atención os dous vídeos que seguen.



1 comentario:

  1. Impresionantes imaxes, impresionante letra a do rap,... Grazas por ampliar o meu horizonte e facerme seguir o fío de Nixeria e de Chimananda. Vou encargar na librería.

    ResponderEliminar