1.30.2011

CASTELAO


"Se aínda somos galegos e galegas é por mor da lingua"


DE QUE MORTE MORREU A NOSA PRENDA ?

¡Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areiro que te foras
de seriedade pol- a plan vereda...
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin...
Na noite pecha,
entrei pinal adiante, medoñento,
a alma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal que tempos idos
escoitóu a tua prácida conversa
có sabidor e xurdio,
profundador de voces milagreiras,
inquiréu delorido, en desespero:
¿De qué morte morréu a nosa prenda?
Atravesoume o peito
un dór punxente e esguío de saieta
e díxelle a verdade crú, tinguindo
c'unha pinga de sangue cada verba:
¡Morréu do mal dos bós e xenerosos!
¡Morréu de amor a Terra!


Ramón Cabanillas

No hay comentarios:

Publicar un comentario