O pasado xoves, aproveitando que estabamos na biblioteca dando os últimos toques ao material para o Día da Paz, fixemos unha xuntanza do Club Lector. Tendo en conta que o libro que estaba a ler o grupo era: Silencio no corazón, de Jaume Cela.pensamos que era unha boa ocasión xa que o tema estaba moi relacionado coas actividades que estabamos a preparar, porque trata sobre a guerra civil española vista e vivida por dous adolescentes que maduran ao ritmo do drama que envolve a case todas as familias do pequeno pobo catalana no que viven, un pobo que sen ser escenario bélico, "sofre as consecuencias dunha guerra fratricida e sen sentido, como todas as guerras".O primeiro que se comentou foi que era unha novela "especial" xa que trata a guerra dun xeito diferente, distante, porque non presenta grandes traxedias, non busca impresionarnos con accións bélicas, nin sequera, apuntou Luz, tenta impresionarnos, senón facernos ver como uns adolescentes inocentes, que oían falar de guerra pero non entendían que significaba, que a sentían como unha palabra referida a algo afastado, "inconcreto", alleo as súas vidas, descobren a inxustiza e morte e a asociación desta coa guerra.
Tamén se fixo referencia ao feito de que no pobo, que non aparece localizado xeograficamente, aínda que todos teñen súas ideas e hai dos dous bando, a xente fala con confianza, mesmo defenden, como é o caso do alcalde, un home de esquerdas de toda a vida, aos que pensan doutra maneira, como no caso de don Miguel, o cura, de dereitas por principio ao que salva a vida e axuda a fuxir a Francia porque considera que é unha boa persoa. Ese sentimento de unidade e xustiza dunha pequena comunidade campesiña que está por riba de rivalidades ideolóxicas, tampouco é o "normal" nas novelas que falan de guerra e menos nas que tratan a guerra civil..
Tod@s salientaron os valores que plantea o libro: a amizade fonda de Xoán e Xurxo, o cariño e a unión da familia co tío Bernardo tentando explicarlle a Xoán porque vai á guerra, amor, un sentimento polo que o autor pasa de puntiñas falando das bromas e xestos de cariño dos pais de Xoán, e de María e o mozo da casa Mercadal, ela argallando para pasar uns días con el e el afundido polo drama da morte da rapaza confesando aos pais que a quería -" Queríaa moito. Máis que a miña vida"- O amor adolescente de Xurxo que o fai desgraciado porque Rosario non lle corresponde, o respecto ao vello mestre, a resignación da señora Henriqueta, a fidelidade simbolizada no can que non a abandona nin despois de morta, a bondade do tío Bernardo: -"Se cadra a vida da túa nai acabará sendo máis heroica ca dos soldados que estaremos na fronte defendendo aquilo no que cremos, facendo valer a nosa idea dun mundo mellor...."-
Na novela hai emocións que chegan facilmente ao lector, que se contaxian, sentimentos que compartidos son máis sinxelos de levar e, como apuntou María, forza, forza derivada da amizade, do cariño, do amor, que axudan a superalo todo. Tamén esperanza, a esperanza de toda unha vida por diante, de soños por cumprir.













